A desmontaxe da pasarela peonil da Xunqueira de Alba comezará este xoves
Por Redacción
A Concellaría de Medio Ambiente inicia o xoves a desmontaxe da pasarela peonil da Xunqueira de Alba. Os traballos comezarán sobre as 10.00 horas e está previsto que duren toda a xornada, aínda que polas dificultades ou polo tempo poderanse ampliar ao venres.
A primeira intención do goberno municipal foi reparar esta ponte, pero nos primeiros momentos daqueles traballos comprobouse o avanzado estado de podremia da estrutura. As vigas principais que suxeitan a estrutura da ponte están podres e non son reparables, a pesar de que o Concello dispoñía dun informe técnico que, inicialmente, avalaba a reparación.
Tamén naqueles primeiros traballos viron que tanto a instalación como a construción da ponte non foran as máis idóneas xa que as balaustradas de metal eran demasiado pesadas para a estrutura, o entarimado non tiña a ancoraxe acaída aos piares e as vigas non presentaban a conservación que deberan logo de pasar só 14 anos da súa instalación.
Para facer estes traballos de desmontaxe fará falta un camión de grandes dimensións así como un tráiler cun guindastre para sacar a ponte.