O Encontro Autonómico de Mulleres con capacidade, marcado pola loita contra a violencia machista
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) escolleu a cidade de Pontevedra para organizar o encontro para tratar a participación social e o empoderamento polas posibilidades de mobilidade que presenta o municipio para as persoas que contan con algunha discapacidade. Así o manifestaba Mónica Álvarez, presidenta desta entidade pertencente a COGAMI, durante a xornada que se desenvolve este sábado 22 no Pazo da Cultura e na que interviñeron máis de 50 participantes tanto nos foros coma nos obradoiros.
A inauguración na que estivo presente a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, xunto á concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, serviu para facer referencia ao 25-N, Día contra a violencia de xénero. López Abella indicou que a Xunta asinou un convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para poñer atención psicolóxica ás mulleres que sofren a violencia machista e, ao mesmo tempo, para os seus fillos e fillas menores, ademais de para outras persoas do ámbito familiar que sufran esta eiva social. O convenio recolle a garantía de acceso a este programa para persoas que conten con algunha discapacidade auditiva ou de fala.
Dende a Xunta de Galicia sinálase que tamén no Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero en Santiago se ofrece persoal especializado, xerocultoras e terapeutas no caso de que sexa preciso o ingreso de mulleres con discapacidade ou de persoas dependentes delas con discapacidade. Susana López Abella tamén destacou que o goberno da Xunta ten a disposición das mulleres vítimas axudas económicas coa finalidade de garantir condicións abondo de independencia económica respecto ao agresor. E engadiu que o 8% das mulleres que son vítimas da violencia machista teñen algún tipo de discapacidade.
Carmen Fouces, concelleira de Benestar Social en Pontevedra, tamén destacou que as mulleres con discapacidade sofren unha dobre discriminación debido a que moitos homes non teñen en conta as súas condicións como mulleres nin como persoas cunha enfermidade de carácter físico ou psíquico.