Cinco feridos na colisión entre dous coches na avenida de Lugo
Por Redacción
Cinco persoas resultaron feridas de carácter leve e tres delas tiveron que ser trasladadas a un centro hospitalario tras verse implicadas nun accidente de tráfico na avenida de Lugo de Pontevedra.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o sinistro consistiu na colisión entre dous vehículos á altura do número 48 da avenida de Lugo. Un dos implicados alertou o 112 ás 9.43 horas deste luns.
Ao lugar trasladáronse efectivos de Protección Civil de Pontevedra, a Garda Civil de Tráfico e o 061. Fontes de Urxencias Médicas de Galicia indicaron que se desprazou ao punto do accidente unha ambulancia medicalizada que atendeu a tres persoas e as derivou ao Hospital Domínguez.
Os tres feridos que requiriron atención hospitalaria foron un menor e dous adultos: un varón de 18 e unha muller de 40 anos.
ACCIDENTE EN VILABOA
O 112 tamén tivo constancia dun accidente de tráfico na mañá deste luns no termo municipal de Vilaboa. O 061 derivou ao lugar unha ambulancia asistencial que trasladou a un home de 40 anos ao Hospital Domínguez de Pontevedra cun prognóstico inicialmente leve.
O sinistro rexistrouse ás 8.56 horas na autoestrada AP-9 e consistiu na saída de vía dun turismo que circulaba en sentido Vigo. Ademais dunha ambulancia, ao lugar trasladáronse efectivos de Protección Civil de Vilaboa e a Garda Civil de Tráfico.