O Goberno pide máis documentación ao Concello sobre a paga extra camuflada
Por Natalia Puga
A Delegación do Goberno en Galicia segue recompilado información para a denuncia xudicial presentada contra o Concello de Pontevedra polo pagamento do plus de produtividade co que o Goberno local quixo compensar os funcionarios municipais pola perda da paga extra de Nadal.
Este luns entrou por rexistro no Concello un novo escrito solicitando documentación relativa ao pagamento desta extra camuflada. Neste caso, trátase dun documento remitido pola Subdelegación do Goberno en nome da Dirección Xeral de Coordinación da Administración Periférica do Estado.
Pídenlle que no prazo de cinco días se remita información relativa a dous conceptos. Nun deles incorren nunha confusión ao dar por feito que o Concello pagou o plus de produtividade na nómina de decembro, cando se fixo na nómina de novembro e, de feito, a de decembro aínda non se abonou.
En concreto, solicitan, "a certificación dos conceptos retributivos incluídos na nómina de decembro, así como dos acordos adoptados para incluír os devanditos conceptos".
A outra documentación solicitada é a relativa a acreditar que por parte do Concello se inmobilizou o diñeiro relativo ao aboamento das pagas extraordinarias, tal e como esixe o decreto gobernamental do mes de xullo polo que se suprimía o pagamento das extraordinarias.
O voceiro do Goberno local, Raimundo González, interpreta que a entrega desta documentación, tal e como está solicitada, "non é unha obriga legal". O Goberno local aínda non debateu este novo escrito, pero, en principio, "non temos ningún problema en contestarlles". En relación co diñeiro inmvilizado, explica que non existe tal documento, pero que "o expediente xa está rematado" e só está pendente da súa aprobación en Pleno.
Raimundo González considera que esta denuncia é "un acoso claro ao Concello de Pontevedra". "Non teñen outra cousa en que perder ou tempo que andar a perseguir alcaldes que fomenten a actividade económica? Anda que non hai choio por aí adiante", se cuestiona.
Relacionadas:
-
Lores sobre Moreira: "Debería deixar de ir ao primo de Zumosol, que ademais non lle dá moito a razón"
Por Diego Espiño |
-
Lores, alcalde de Pontevedra: "Se ocurre algo, apandaremos coas consecuencias"
Por Anxo Lourido |
-
O Goberno denuncia ao Concello para que os funcionarios devolvan a paga extra
Por Oskar Viéitez |