Meus queridos 'neighbors'
Por Redacción
No centro de Pontevedra hai tres pisos nos que só se fala en inglés. A vicerrectoría do Campus de Pontevedra ten tres Casas inglesas situadas nun mesmo edificio da rúa Loureiro Crespo nos que o inglés é a lingua oficial de portas para dentro.
Aquí os universitarios poden atopar a un prezo accesible un lugar no que vivir durante o curso e aproveitar esta estancia para aprender un idioma sen saír da casa, convivindo con persoas naturais dun país de fala inglesa.
Este ano o estudantado convive cos ingleses Nathan Blyth e Patrick Joyce e a estadounidense Emily Iekel que exercen como profesores particulares e promoven unha serie de actividades e iniciativas conxuntas que contribúan a unha convivencia en inglés.
Organizamos noites de conversas, vemos películas en versión orixinal... cando menos unha ou dúas veces á semana intento organizar unha actividade no piso, relata Iekel, unha moza natural de Falls Church, unha vila do estado de Virxinia, que actualmente traballa como auxiliar de conversación nun colexio de Catoira.
Xunto ás estudantes Alba Fandiño, Mar Fente e Sofía Fernández, e á súa parella, o belga Jeremy Quicke, Iekel reside no piso que o pasado curso era a única sede da Casa Inglesa e no que, de novo, o inglés é lingua oficial, a pesares de que esta estadounidense fale con fluidez en castelán despois de ter pasado un semestre na Universidade de Salamanca. Intento que me falen todo tempo en inglés, aínda que, ás veces, como é normal, me respondan a algunhas cousas en castelán, admite.
Tamén domina o castelán o londiniense Nathan Blyth, despois de realizar o pasado curso un doctorado nun colexio da cidade. Este británico, que traballa como profesor nunha academia, comparte piso coas galegas Patricia Marcos e Verónica Sobrino, a italiana Martina Cariari e a mexicana Mariana Jiménez, todas elas estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Ás veces, estamos falando italiano, español e inglés ao mesmo tempo, apunta con humor da convivencia na que é a sede máis internacional da Casa Inglesa.
Tamén é natural de Inglaterra, neste caso da cidade de Middelsbrough, o terceiro head resident da Casa Inglesa, Patrick Joyce, quen, tras rematar os seus estudos universitarios, atopou neste proxecto unha oportunidade para aprender un idioma e coñecer un país. Algo que fai acompañado polos estudantes de Belas Artes André Díaz e María Saco, pola alumna de Fisioterapia Leticia Cartelle e polo estudante de Ciencias Sociais e da Comunicación Pablo Escobero que, como recoñece sempre falan en inglés comigo e cos que comparte ceas, cafés ou actividades de ocio na súa lingua natal.
Relacionadas:
-
Piso ben situado, económico e políglota busca inquilinos
Por Redacción |
-
Grecia e Pontevedra, unidas durante nove días por un intercambio entre mozos
Por Alejandro Espiño |
-
20 anos desde que os pinceis substituíron aos fusís
Por Redacción |
-
Aumenta a demanda entre os universitarios para formar parte da Casa Inglesa
Por Redacción |
-
Á Casa Inglesa da Universidade de Vigo sáelle unha 'irmá': nace a Casa Española
Por Alejandro Espiño |
-
Como en London City pero no centro de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |