Sanxenxo mostra os seus atractivos para seducir a turistas náuticos fora de tempada
Por Redacción
"Estamos moi satisfeitos de ter participado no salón náutico de París. Somos conscientes de que se trata dun mercado moi amplo no que debemos introducirnos xa que supón incrementar o tráfico do Porto Deportivo en inverno", sinalou a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, que este fin de semana desprazouse á capital francesa para acudir á feira na que Nauta Sanxenxo estivo presente a través de Turgalicia e de Estacións Náuticas.
Catalina González aproveitou tamén para asistir á asemblea xeral de France Station Nautiques, onde tivo a oportunidade de expoñer aos membros desta asociación os principais atractivos do destino turístico e os seus excepcionais características para a práctica dos deportes náuticos.
E é que o Goberno local defende a necesidade de impulsar a nivel internacional o Porto Deportivo Juan Carlos I "pois a calidade das súas instalacións e servizos constitúen un excelente reclamo para atraer visitantes máis aló da tempada de verán para toda a comarca do Salnés".
Por iso, a alcaldesa considera "imprescindible" estar presente o próximo mes de setembro no salón náutico da Rochelle "a zona máis importante de construción de barcos do sur de Francia", apuntou Catalina González, á vez que engadiu que "Galicia ten que mostrar alí os seus atractivos tanto como lugar idóneo de proba de novas embarcacións como de punto de referencia para paradas dos que vaian en tránsito".
O Goberno sanxenxino trasladará, pois, a todos os axentes implicados a necesidade de "facernos visibles nesa feira e Turismo de Sanxenxo e Nauta prepararán ou produto que ofrecer nesa importante cita".
Á súa vez, a rexedora destacou a transcendencia de que O Grove, Cambados e Sanxenxo recuperen a Estación Náutica Rías Baixas xa que considera que "non podemos deixar pasar esta oportunidade de negocio para a comarca".
Durante a súa breve estancia en París, González mantivo así mesmo unha reunión cos representantes das Estacións Náuticas francesas da vertente atlántica na que marcaron as bases das futuras accións de colaboración a desenvolver e que virarán en torno aos proxectos europeos que xurdan a partir deste momento e nos que as Estacións Náuticas atlánticas de Francia e España teñan que ir da man.
Serán os xerentes de ambas asociacións os encargados de marcar agora as liñas de traballo conxunto "e nas que estará Sanxenxo", afirmou a alcaldesa.