Sanxenxo promove en Francia o porto deportivo como "parada obrigada"
Por Redacción
"Todo o esforzo e a aposta de Nauta Sanxenxo por ofrecer aos seus usuarios servizos punteiros, recoñecidos con distintivos como a Q de Calidade e a Bandeira Azul, está destinado a posicionar, ao porto como un equipamento de parada obrigada tanto de embarcacións españolas como internacionais", sinalou a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González.
Este é o motivo da presenza da rexedora no Grand Pavois, o salón náutico a flote que se celebra estes días en La Rochelle e onde Sanxenxo está representado no espazo habilitado conxuntamente pola Axencia de Turismo de Galicia e Portos de Galicia.
"O considerable incremento, superior ao 140%, rexistrado este verán en canto aos tránsitos de barcos franceses no porto sanxenxino confirma a idoneidade da nosa participación nesta feira que xa supuxo na súa anterior edición a apertura de novas vías de colaboración e promoción do destino", comentou a rexedora local.
COMPETICIÿNS INTERNACIONAIS
Pero Catalina González desprazouse tamén a La Rochelle para negociar a posibilidade de que o porto de Sanxenxo albergue o próximo ano probas deportivas internacionais, dada a súa importancia á hora de contribuír a prolongar a campaña turística e "dar a coñecer a nosa marca de forma efectiva".
Neste sentido, a alcaldesa adiantou xa que na primavera de 2015 "Sanxenxo será, con toda probabilidade, final de etapa dunha recoñecida regata que partirá de Francia". De feito, os organizadores deste evento desprazaranse a principios de outubro ao municipio para coñecer persoalmente as instalacións xestionadas pola empresa pública Nauta Sanxenxo e concretar as necesidades para o desenvolvemento desta emblemática competición.
"Temos experiencia, instalacións de nivel e un campo de regata impresionante, así que non queremos deixar pasar a oportunidade de que o nome de Sanxenxo destaque na oferta náutico-deportiva internacional", afirmou Catalina González.
GRAN PAVOIS
O salón náutico internacional a flote que se desenvolve ata o luns en La Rochelle está considerado como unha das citas europeas de maior relevancia dadas as súas características. Non en van por esta feira pasan cada ano máis de 100.000 visitantes para coñecer as propostas dos 700 expositores e as novidades do sector que se presentan de cara ao próximo ano.
Os visitantes do Grand Pavois encontran, pois, ampla información non só da oferta turística do municipio senón das características das instalacións portuarias. "Entregamos a todos os interesados un completo informe con todos os datos prácticos que necesitan saber acerca do porto, dende as tarifas aos servizos dispoñibles, porque cremos que é necesario propiciar ao máximo as futuras visitas", sinalou a alcaldesa.
Relacionadas:
-
Sanxenxo busca un maior crecemento e promoción para o seu turismo náutico
Por Redacción |
-
Asinan en Pontevedra unha alianza estratéxica entre Portos de Galicia e La Rochelle francesa
Por Redacción |
-
O parking de Nauta Sanxenxo bateu en agosto o récord de recadación desde a súa apertura en 2005
Por Redacción |
-
Sanxenxo publicítase en Francia no salón náutico Gran Pavois de La Rochelle
Por Redacción |
-
A metade dos barcos que recalaron en Sanxenxo entre xaneiro e xuño son de bandeira estranxeira
Por Redacción |
-
Sanxenxo mostra os seus atractivos para seducir a turistas náuticos fora de tempada
Por Redacción |