A metade dos barcos que recalaron en Sanxenxo entre xaneiro e xuño son de bandeira estranxeira
Por Redacción
A metade das embarcacións que recalaron en Sanxenxo no que vai de ano foron barcos con bandeira doutros países, un 9,8% máis que en 2012. Así o publicitan desde Nauta Sanxenxo, organismo que destaca a "conveniencia" da aposta desta empresa pública por atraer visitantes estranxeiros "realizando para elo diversas accións de promoción dunhas instalacións de calidade como son as do Porto Deportivo Juan Carlos I".
Das 56 embarcacións foráneas que escolleron o Porto Deportivo, a maioría delas eran francesas, concretamente 15, aínda que as instalacións xestionadas por Nauta Sanxenxo tamén albergaron 14 naves británicas. Sete bandeiras irlandesas, cinco alemás, catro portuguesas, tres holandesas, dúas suecas, unha americana, brasileira, belga e outra máis suiza, completan a relación atendendo á súa procedencia. Outros 56 barcos, neste caso españois, atracaron temporalmente nas prazas da sociedade municipal.
"Sen lugar a dúbidas, podemos facer un balance positivo da actividade rexistrada nos primeiros seis meses de 2013, tendo en conta ademais que tivemos un inverno e unha primavera moi adversas en canto á meteoroloxía, e este factor condiciona decisivamente o número de visitas", segundo Salvador Durán, vicepresidente de Nauta Sanxenxo, quen apuntou que as embarcacións a vela foron de novo maioritarias. Concretamente, no porto amarraron 72 veleiros fronte aos 40 barcos a motor.
Nauta Sanxenxo dispón de 364,5 metros dedicados a tránsitos cuxa capacidade varía dependendo da eslora dos barcos que amarran neste espazo do Porto Deportivo Juan Carlos I, un equipamento conformado por unha lámina de auga de 85.000 metros cadrados, 450 amarres de entre 8 e 45 metros e máis de 30.000 metros cadrados de espazos peonís.
O porto conta á súa vez, recorda Durán, cunha bocana de 50 metros, un trave-lift de 70 toneladas, recolleita selectiva de residuos, vixilancia, estación de servicio, baños, acceso restrinxido a pantaláns, wifi, entre outros.
"As excelentes condicións que presenta este municipio para a náutica, tanto recreativa como deportiva, constitúe un dous principais atractivos deste destino e de aí o noso empeño por facer o máis rendible posible este equipamento de referencia", apuntou o edil.
Salvador Durán concluíu afirmando que Nauta Sanxenxo acudirá a finais de setembro ao salón náutico máis importante de Francia, que se celebrará na Rochelle, coa intención de captar turismo náutico do país veciño.