O BNG, disposto a abrir á oposición as Xuntas de Goberno do Concello
Por Redacción
Dar un salto adiante na democracia directa, na participación social e na democratización na toma de decisións. Ese será un dos eixos do programa electoral do BNG para as próximas eleccións municipais de maio, tal e como avanzou este mércores o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. E na última xuntanza da candidatura nacionalista déronse varios pasos neste sentido.
Neste sentido, o BNG incluirá no seu programa electoral a aposta por simplificar ao máximo a estrutura administrativa do concello e que máis concelleiros atendan directamente, mediante reparto xeográfico, as demandas dos cidadáns. Ademais, tratarán de darlle a máxima relevancia ás delegacións territoriais, constituiranse consellos territoriais nos barrios a semellanza das parroquias e o proceso dos orzamentos será participativo.
Outra das grandes liñas que, en materia de participación e transparencia na xestión municipal, incluirán os nacionalistas no seu programa será que haxa presenza de todos os grupos con representación na corporación nas mesas de contratación e nos tribunais selectivos para a provisión de postos de traballos públicos ou -a principal novidade- permitir a asistencia dos grupos da oposición ás xuntas de goberno.
Estas propostas do BNG, pendentes de ampliar, concretar e matizar no proceso de elaboración do programa, incluirán tamén aumentar ao máximo as competencias sobre as que teñan capacidade de decisións os Consellos Territoriais e Sectoriais, unha maior celebración das asembleas veciñais para tratar con eles os asuntos que poidan afectarlles directamente; ou a mellora e axilización dos procedementos de relación cos cidadáns en todos os ámbitos.