Sinalan por terceira vez o xuízo contra tres narcos acusados de introducir cocaína polo Porto de Marín
Por Redacción
A Audiencia Provincial de Pontevedra reservou dous días, os próximos 9 e 11 de decembro, para xulgar a dous vigueses e un colombiano que están acusados delito contra a saúde pública en cantidade de notoria importancia. Segundo a Fiscalía, simulaban operacións de comercio internacional entre empresas para introducir droga, entre outros, polo Porto de Marín. Piden para cada un deles os 11 anos de prisión e o pagamento dunha multa de 1.800.000 euros.
ÿ a terceira vez que a Audiencia programa este xuízo. Debía terse celebrado inicialmente o pasado mes de xullo, pero un dos acusados apelou á reforma que recorta o principio de xustiza universal para evitar ser xulgado en España. Desestimada esta reclamación, a segunda suspensión, que tivo lugar o 21 de outubro, debeuse á non comparecencia do avogado dun dos tres acusados.
A causa que se vai xulgar en Pontevedra é "complexa", segundo sinalan todas as partes. Segundo o escrito de acusación do Ministerio Público, a trama estaba formada por dous veciños de Vigo, Severo Garrido Méndez e Alberto Cabezas Rubio, e un presunto contacto colombiano, Antonio Cruz Vásquez Salazar. Son os presuntos responsables de ter importado cocaína dende Colombia e Ecuador utilizando diversas sociedades mercantís.
En outubro de 2010, as autoridades de Ecuador aprehendían no seu territorio un colector cargado de pescada conxelada con 472 quilos de cocaína que ían dirixidas ao Porto de Marín onde estaba previsto que os recollese un dos acusados, segundo o escrito da Fiscalía.
A policía xudicial portuguesa lograba, en abril de 2011, incautarse de case 56 quilos da mesma droga, que se encontraba oculta nun cargamento de 4.410 latas de piña en conserva almacenadas nun colector que chegara ao Porto de Lisboa procedente de Colombia e que ía destinado á empresa que a propia rede montara en Portugal.
O acusado de orixe colombiana e que solicitara a xustiza universal segue en prisión provisional polos feitos que se lle imputan mentres que os outros dous procesados se encontran en liberdade provisional.
Relacionadas:
-
A Audiencia pontevedresa condena tres narcos por introducir cocaína camuflada en latas de piña
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O fiscal reduce de 11 a 6 anos a petición de cadea para un acusado de traficar cocaína entre piña e pescada
Por Natalia Puga |
-
Dous acusados de traficar con cocaína entre piña e pescada intentan tombar as picadas que os incriminan
Por Natalia Puga |
-
O narco que apelou á xustiza universal para non ser xulgado en España recoñécese culpable
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Fiscalía pide que se investigue a un dos avogados nun xuízo por narcotráfico por obstrucción á Xustiza
Por Oskar Viéitez |
-
A Audiencia de Pontevedra nega a xustiza universal a un narco que pretendía librarse de ser xulgado en España
Por Natalia Puga |
-
Piden 33 anos de prisión para os tres acusados de introducir 56 quilos de cocaína en latas de piña
Por Redacción |