Sacan a concurso un centro de servizos en Barro-Meis e as obras da cuberta do Pazo Provincial
Por Redacción
Máis dun millón de euros investirá a Deputación de Pontevedra en dúas actuacións que acaban de ser sacadas a concurso. A de maior contía é a construción dun Centro de Servizos e Apoio Empresarial que estará situado nunha parcela de 5.136 metros cadrados do polígono industrial de Barro-Meis. Conta cun orzamento de 898.640 euros e un prazo de execución de once meses.
Unha vez adxudicado o viveiro de empresas que acollerá no parque industrial a novos emprendedores e que o polígono acadou unha porcentaxe de ocupación do 50%, a Deputación quere complementar o desenvolvemento urbanístico do parque cun Centro de Servizos e Apoio ás empresas instaladas que, ao tempo, proporcione novos espazos para a celebración de reunións, oficinas, salas, auditorio, servizo de restauración, cafetería e outros.
O novo centro será un edificio de planta baixa, primeira e baixo cuberta. Na planta baixa estará situada unha cafetería, servizos e oficinas. Na primeira, un espazo para auditorio e salas multiusos, ademais de almacéns e outras dependencias. No baixo cuberta, irán os cuartos precisos para o funcionamento e localización das instalacións.
A edificación terá unha forma baseada en volumes ortogonais, cunha superficie útil próxima aos 1.200 metros cadrados.
CUBERTA DO PAZO PROVINCIAL
Doutra banda, a Deputación tamén convocou concurso para obras de conservación na cuberta do Pazo Provincial por 164.459 euros e un prazo de execución de catro meses.
Relacionadas:
-
Construcciones Abal fará o Centro de Servizos de Barro-Meis por 706.141 euros
Por Redacción |
-
Piden que os veciños de Barro poidan utilizar o Centro de Servizos e Apoio Empresarial da Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación ingresará dez millóns de euros pola venda das parcelas a Froiz e Novas Rías
Por Oskar Viéitez |
-
O polígono de Barro Meis acada o 50% de ocupación
Por Redacción |
-
Adxudicadas a Vila Miño S.A., en 1,3 millóns de euros, as obras do viveiro de empresas de Barro-Meis
Por Redacción |