O Banco de Alimentos de Pontevedra recibe 27 toneladas de produtos
Por Redacción
Carrefour entregará ao Banco de Alimentos de Pontevedra un total de 27.338 quilos de produtos de alimentación, tras duplicar os 13.669 quilos que os cidadáns entregaron durante a XVI Xornada Nacional de Recollida de Alimentos.
Esta xornada pretende paliar as necesidades das persoas e familias que están a atravesar importantes dificultades económicas. Nestes momentos, o banco de alimentos local está a repartir os produtos entre as organizacións coas que colabora.
Esta iniciativa, organizada pola Fundación Solidariedade Carrefour en colaboración coa Federación Nacional de Bancos de Alimentos (FESBAL), desenvolveuse durante a primeira quincena de novembro en 144 hipermercados da cadea, onde se habilitou unha 'Mesa de Bancos de Alimento' na que voluntarios da entidade recolleron os víveres doados polos cidadáns.
Unha vez finalizada a recollida, Carrefour igualou os quilos de produtos que os cidadáns depositaron na 'Mesa de Bancos de Alimentos', duplicando, deste modo, a cantidade que se entregará a FESBAL.