O Nadal chega a todas as parroquias de Sanxenxo
Por Redacción
O Nadal chegará a Sanxenxo este fin de semana para quedar. A iluminación ornamental estará acendida de forma ininterrompida ata o 6 de xaneiro en horario de 18.00 a 02.00 horas.
Segundo informou o Concello, iluminar o municipio durante as festas custará 21.780 euros. Ao igual que en anos anteriores, a Concellaría de Cultura empregará un criterio equitativo á hora de distribuír as luces, de forma que os adornos se instalarán nas rotondas, ao ser espazos que vertebran o territorio, nas entradas ao concello, así como na Casa Consistorial, entre outros.
Os rótulos coa lenda Boas Festas darán a benvida aos usuarios da estrada que vai dende Sanxenxo a Pontevedra, na que une Vilalonga e Cambados e na de Noalla. Ademais, colocaranse 14 arcos na avenida de Madrid, outros oito na rúa Progreso, e tres en Augusto González Besada, e iluminarase a fachada da Casa do concello e tres báculos do ámbito do Porto Deportivo Juan Carlos, así como as rotondas de Arnelas e de Vinquiño.
Portonovo dispoñerá de seis arcos situados no paseo da praia e outros seis en Lalinde del Río, iluminación nas dúas rotondas e 12 motivos en báculos da rúa Rafael Picó. Vilalonga contará tamén con iluminación do Nadal, concretamente na glorieta e catro arcos no centro da vila.
O Concello repartirá 10 arcos máis nas distintas parroquias e emprazará iluminación ornamental na rotonda situada na vía que conduce dende Vilalonga a Cambados e na de Noalla, parroquia na que se colocarán catro arcos que estarán emprazados na Revolta.