A CIG alerta da presenza de 'fondos voitre' ao axexo do contrato das ambulancias
Por Oskar Viéitez
O sindicato alertou que varios 'fondos voitre' aspiran a conseguir o novo contrato do transporte sanitario urxente terrestre deixando nunha situación marxinal ás empresas de ambulancias de Galicia.
O voceiro do sindicato CIG, Xabier Aboi, sinalou o interese da multinacional das ambulancias danesa Falck, ou da empresa Transport Sanitari de Catalunya (TSC), controlada polo grupo Invest Industrial; ou Ambuibérica, controlada polo fondo de capital risco PAI.
Segundo informou a pasada semana o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a contratación será por un montante global de 121 millóns de euros para "un servizo de ambulancias mellorado e que non incrementa o seu custo". Aboi criticou este último aspecto xa que entende que as empresas repercutirán nos traballadores estes incrementos no custo do servizo, "recortando o número de postos de traballo" e ofrecendo unhas condicións laborais "moi precarias".
Dende a CIG destacaron a importancia de contar cun servizo de ambulancias que poida mellorar os tempos de resposta ante unha emerxencia sanitaria, unha circunstancia que non se cumpre, segundo CIG, debido á "supresión" do servizo nocturno de ambulancias nalgúns municipios como o de Marín.
Cando se adoptou esta decisión no ano 2011, Xabier Aboi denunciou "cinco mortos en Marín con situación de atraso de ambulancia". O sindicalista estableceu unha relación causal entre atraso e morte, sendo imputado pola Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra por un presunto delito de descubrimento e revelación de segredos neste ámbito. Ademais das críticas políticas por parte da conselleira Pilar Farjas, naquel momento titular de Sanidade.
A CIG presentou este venres un escrito no Concello de Marín pedindo unha reunión da xunta de voceiros para que cumpran co compromiso adquirido en 2011 polos políticos locais reivindicando a recuperación dun servizo "básico" tanto en Marín coma noutros municipios limítrofes.
A propia alcaldesa de Marín, a popular María Ramallo, e representantes dos demais grupos políticos (PSOE, BNG e Mar-In), subscribiron entón esta reclamación ao Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Aboi adiantou que a CIG vai empezar unha campaña de información ante a opinión pública "con todo tipo de mobilizacións" para demandar a mellora do servizo.
Relacionadas:
-
A CIG convocará unha folga ante a situación de "colapso" do transporte sanitario
Por Oskar Viéitez & María López Verdial |
-
Avecíñase moita tormenta no sector de ambulancias
Por Oskar Viéitez |
-
A CIG reclamaralle a Sanidade que recupere o servizo de ambulancias as 24 horas en Marín
Por Redacción |
-
Esixen a Sanidade que restableza o servizo nocturno de ambulancias en Marín
Por Redacción |
-
A CIG denuncia que as ambulancias con medicamentos caducados si facían servizos de Urxencias
Por Natalia Puga |
-
Voltarén, Adrenalina e Valium fóra de data nunha ambulancia que facía un servizo para Adeslas
Por Natalia Puga |
-
Remata o conflito laboral de Ambulancias Transa despois de seis meses de folga
Por Redacción |