Viaqua investirá máis de 600.000 euros na mellora das redes de auga e sumidoiros
Por Redacción
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns a relación de obras que executará nas próximas semanas a empresa Viaqua, adxudicataria do servizo de abastecemento de augas, para cumprir cos investimentos que ten pendentes en virtude do contrato asinado no seu día. En concreto, trátase de traballos que mellorarán as redes existentes na actualidade e que están valorados en 633.871,32 euros.
Segundo detallou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, nestas obras inclúese a renovación da rede de abastecemento na rúa Alemaña, unha nova instalación de auga e sumidoiros en Arcebispo Gelmirez, a canalización de pluviais en Mollabao, a ampliación da rede de sumidoiros en Pazos e A Ermida (Marcón) ou a substitución da rede de augas no ámbito do Hospital Provincial.
Este paquete de obras complétase coa mellora da rede de pluviais en Xan Guillerme e o arranxo de pequenos problemas da rede de auga e sumidoiros en Andrés Muruais, Augusto García Sánchez, avenida de Bos Aires, Rosalía de Castro, Michelena ou a praza da Constitución.
OUTROS ACORDOS
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou destinar os 124.628,55 euros que lle corresponden a Pontevedra do Plan Marco de mellora de camiños rurais, unha iniciativa que conta con axudas europeas, ao acondicionamento de dúas vías na parroquia de Salcedo: Cabanas-Igrexa e Cabanas-Cruceiro.
Tamén se prorrogou o convenio con Autobuses Rías Baixas para financiar as viaxes da liña de transporte urbano a Monte Porreiro. Investiranse 86.489 euros para que todos os seus usuarios poidan viaxar de forma bonificada desde a viaxe número 12 ao mes (pagando 0,75 euros) e reducindo o prezo de forma progresiva ata os 0,13 euros se se alcanzan as 80 viaxes ao mes. O prezo normal do billete é de 1,40 euros.
Relacionadas:
-
Unha avaría no abastecemento a Ence corta un carril da Avenida de Uruguai
Por Oskar Viéitez |
-
Os traballadores de Viaqua, ante os recortes que propón a empresa, piden ao Concello a defensa dos seus dereitos
Por Redacción |
-
Revisan o estado dos desaugadoiros de pluviais da cidade para evitar atoamentos e inundacións
Por Alejandro Espiño |
-
Avanzan as obras de Viaqua na Praza de Galicia e O Gorgullón
Por Redacción |
-
As canalizacións do saneamento do Gorgullón achéganse ao Gafos
Por Redacción |
-
Remata a supervisión e mantemento da rede de hidrantes na cidade
Por Redacción |