Unha avaría no abastecemento a Ence corta un carril da Avenida de Uruguai
Por Oskar Viéitez
Técnicos da empresa Viaqua, concesionaria do servizo da auga en Pontevedra e a súa conexión con Marín, realizaron dende o pasado sábado unha intensa reparación de emerxencia, para solucionar o problema de abastecemento detectado na canalización do servizo á fábrica de Ence.
Segundo informan dende o Concello de Pontevedra, a avaría consistiu nunha rotura da galería de servizos na Avenida de Uruguai, á altura do Club Náutico, fronte á ponte das Correntes.
Para acometer estes traballos foi necesario abrir un gran burato no vial, cortándose o tráfico nun dos dous carrís da avenida en sentido Marín.
Os operarios de Viaqua contaron co apoio dun servizo de mergulladores profesionais para poder acometer algúns traballos.
Finalmente, durante a xornada deste luns, o problema foi solucionado polo que se está a proceder a pechar o tallo de obra.