Miguel Anxo, "enviado de Deus"
Por Oskar Viéitez
Miguel Anxo, enviado de Deus, é estudoso, culto, ama a beleza e o luxo pero sabe ser feliz e conformarse co que ten. "Iso non é certo", dixo o alcalde de Pontevedra "pero gústame iso que pon despois" no amor coa súa afabilidade e simpatía sabe conquistar a quen ama.
A anécdota aconteceu durante a inauguración de PonteNadal, a Feira de artesanía cuxos 35 postos abriron as súas portas baixo a carpa instalada na praza do Teucro. Entre os comerciantes que máis chamaron a atención dos políticos estaban un posto de cervexa artesanal e outro no que explican a orixe de cada nome, onde o alcalde puido coñecer o significado do seu.
O rexedor acompañado da concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, saudou os participantes nesta tradicional cita do Nadal pontevedrés.
A edil socialista tampouco puido reprimir a súa curiosidade Carlota, posúe unha gran decisión e vontade, pero carece de agresividade e ambición "esa son eu", dixo satisfeita.
Pero estes son só dous exemplos dunha morea de posibilidades que ofrece esta décimo cuarta edición.
A feira permanecerá aberta ata o 5 de xaneiro, en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 22 horas.