O macrocontrato provincial de recollida de lixo terá que esperar
Por Redacción
O macrocontrato promovido pola Deputación Provincial de Pontevedra para unificar a recollida e tratamento de residuos domésticos terá que esperar. A Mesa de Contratación reuniuse este luns para valorar a oferta económica e o estudo de viabilidade do concurso e desestimou a oferta presentada pola UTE FCC-Celta Prix, de modo que se declarou deserto o concurso.
A decisión foi adoptada de acordo co informe emitido polos técnicos provinciais que consideran que a oferta económica e o estudo de viabilidade "incumpre distintas cláusulas do prego administrativo, non está suficientemente xustificada e está mal formulada".
Segundo o citado informe, a oferta non repercute a baixada proposta, de case un 20%, ao baixar o tipo de licitación de 159,09 euros a 129,01 euros, na diminución dos ingresos previsibles da ordenanza provincial e, en consecuencia, nunha baixada das taxas que no futuro deberían pagar aos veciños para custear o servizo.
Isto motivou que, "para velar polo interese público e polo dos cidadáns e concellos que confiaron na Deputación para xestionar con eficacia e eficiencia un servizo tan complexo como o de recoller os residuos", os técnicos acordasen non adxudicar o concurso.
"Non se pode adxudicar un concurso coa máis mínima dúbida, xa que estamos a falar dunha concesión de 25 anos de duración"
"Non se pode adxudicar un concurso coa máis mínima dúbida, xa que estamos a falar dunha concesión de 25 anos de duración", manifestou o responsable da Mesa de Contratación.
A decisión adoptada non supón a curto prazo un prexuízo grave para os concellos, que seguirán prestando o servizo como o fan na actualidade con medios propios en 16 concellos, e prorrogando a concesión actual noutros casos. Dende a institución provincial aclaran que deixar deserto o concurso non quere dicir tampouco que se aparque o proxecto pois a Deputación "seguirá traballando para poñer en marcha unha iniciativa pioneira que entende moi beneficiosa para os concellos".
Ao concurso presentáronse as empresas Ascan-Civis Global-Geaser; Elsan- Inbisa; e FCC- Celta Prix. Debido ás elevadas esixencias dos pregos, as dúas primeiras non superaron o corte establecido como mínimo para valorar criterios de planificación e organización do servizo. Por iso só se abriu a oferta de FCC-Celta Prix, finalmente descartada polos técnicos polas citadas razóns.