Os nenos, os primeiros en recibir o ano 2015 en Ponte Caldelas
Por Redacción
Os nenos de Ponte Caldelas deron a benvida anticipada ao novo ano coa toma das doce uvas ao son das badaladas do centenario reloxo de torre ubidado no Centro Cultural da vila, que foi marcando a chegada do mediodía. Os asistentes gozaron dunha festa infantil ofrecida polo Concello con números xogos e diversión a cachón.
As monitoras da Ludoteca Municipal foron as encargadas de coordinar diversas actividades para entreter os máis pequenos da casa, mentres que se ían preparando os vasos de plásticos que portaban a ducia de uvas que, posteriormente, foron degustadas con cada badalada.
Os asistentes tomaron unha a unha as uvas ata completar a ducia. Para axudar aos atrasados o reloxo de torre do Centro Cultural volveu accionar a súa tradicional melodía e repetiu as badaladas por segunda vez coa fin de que ningún neno quedase sen tomar as tradicionais uvas.
A continuación, comezou un baile amenizado polos mellores éxitos discotequeros do momento a través da megafonía instalada polo Concello no Centro Cultural e as monitoras da Ludoteca Municipal propoñían diversos xogos coa música como o baile da vasoira ou o popular limbo.
Arredor da 13:15 horas finalizaron as actividades lúdicas programadas polo Concello para dar a benvida anticipada do ano 2015 e o alcalde desexou a todos os presentes un próspero e feliz Ano Novo.