Os traballadores dos quioscos denuncian que Cogami se aproveitou da súa discapacidade para obter beneficios
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Un grupo de traballadores dos quioscos de Cogami realizaron unha concentración durante a mañá deste venres 2 de xaneiro ante o establecemento da rúa Rosalía de Castro para reclamar unha intervención da Xunta de Galicia no conflito laboral que manteñen coa entidade.
Isabel Veiga, delegada de Comisións Obreiras, pide que Cogami se responsabilice polas súas accións: "Si Cogami protege la discapacidad y le preocupa el colectivo que dé la cara y Anxo Queiruga (presidente de la entidad) que dé explicaciones". Afirma que os traballadores se senten "ultrajados" ao entender que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade se beneficiou de "nuestra discapacidad durante anos".
Dende Comisións Obreiras, Puri Bernárdez, indica que os datos económicos da Rede Galega de Kioscos (RGK), da que dependen os locais comerciais, non presenta perdas xa que a débeda está xerada pola matriz, a Rede Galega de Economía Social. Por ese motivo, os traballadores reclaman a retirada do concurso de acredores no que se encontra a RGK.
José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., incidiu en que o administrador concursal tamén está a actuar en conivencia con Cogami ao evitar a presenza de representantes dos traballadores durante as negociacións que se manteñen cos traballadores, oito en Pontevedra dos 90 afectados en toda Galicia.
Dende o sindicato denuncian que "desde Cogami se está facendo unha operación para desfacerse dos traballadores a través dun concurso para liquidar a empresa. Non buscan medidas alternativas". E García Pedrosa mantén que se debería optar por negociar un ERE de suspensión temporal de contratos para comprobar despois que medidas se deben adoptar.
O secretario comarcal do sindicato afirma que "Cogami pretende despedir os traballadores e que as indemnizacións sexan atendidas polo Fogasa e así evitar o pagamento das indemnizacións por despedimento" e engadiu "son uns auténticos mangantes. Se valen da imaxe de que son unha organización que axuda a persoas con discapacidade para actuar desta maneira que se aproxima á corrupción". Por este motivo, van presentar un escrito na Inspección de Traballo solicitando un informe desfavorable en caso de que a xuíza decida aprobar un ERE extintivo ao entender que "se vulneran os dereitos dos traballadores".
Os traballadores reclaman a intervención da Xunta e García Pedrosa denuncia que "pasan olimpicamente de todo. Se lles segue dando subvencións e contan con eles para futuros proxectos. Nós non vamos a permitir que esta indecencia sirva para desfacerse dos traballadores para que unha vez liquidada a Rede Galega de Kioscos se cre unha nova empresa con outros discapacitados".
Os afectados non cobraron as nóminas de novembro e decembro nin a paga extra de Nadal. Estudan levar a cabo unha manifestación con todos os traballadores que se encontran nesta situación en Galicia.
Relacionadas:
-
O Concello extingue a concesión dos quioscos de Cogami
Por Oskar Viéitez |
-
Liberados de pasar frío nos quioscos de Cogami
Por Redacción |
-
Á espera dunha luz para os quioscos de Cogami
Por Redacción |
-
Cortan a luz e a auga aos quioscos de Cogami
Por Redacción |
-
Reclaman a retirada do concurso de acredores dos quioscos de Cogami
Por Redacción |