Rouban o cableado eléctrico no Campo Municipal da Chanciña en Campo Lameiro
Por Oskar Viéitez
Os amigos do alleo visitaron o Campo Municipal da Chanciña en Campo Lameiro e leváronse todo o cableado eléctrico deixando inutilizados o sistema de rego, a iluminación e o sistema eléctrico das casetas. O roubo produciuse na madrugada deste xoves, xa que horas antes os equipos inferiores do Campo Lameiro CD, tiveron adestramento e usaron a iluminación.
Segundo informou o presidente do Campo Lameiro CD, Jesús María García Ameijeiras, os ladróns levantaron todas as arquetas do campo e foron arrancando todo o cable que se encontraron ao seu paso. Tamén roubaron material eléctrico nas novas casetas que se están a construír.
Polo momento e ata que os técnicos non o valoren, non sabe o valor exacto do material roubado xa que tamén se descoñece o alcance dos danos orixinados ao roubar o cobre, que puideron afectar ao propio mecanismo dos sistemas de rego e de iluminación cando procederon a arrancar o cable.
O campo é propiedade municipal polo que é o Concello de Campo Lameiro quen debe presentar a pertinente denuncia.
Este roubo obrigou ao Campo Lameiro CD a ter que suspender os adestramentos. Para o venres o equipo de afeccionados solucionou o problema xogando un partido de adestramento no Campo do Buelo grazas á boa predisposición do Moraña C.F.