Novo incendio nun cadro eléctrico da zona da Peregrina
Por Redacción
Unha dotación do corpo de Bombeiros do Parque de Pontevedra tivo que desprazarse arredor das 19:30 horas ata a confluencia entre as rúas Benito Corbal e Daniel de la Sota tras ser alertados da presenza de lume nun cadro eléctrico situado na fachada da Autoescola Peregrina, situada en Benito Corbal 14, que provocou un corte de luz nalgúns edificios desa contorna.
A zona foi acordoada pola Policía Local ante a presenza de numerosos peóns que circulaban a esas horas polo ámbito e evitar o paso ante o perigo de que se producise algunha explosión no cadro eléctrico.
Os bombeiros sufocaron o incendio con rapidez e sen que se producisen incidencias, ante a atenta mirada dun amplo número de persoas que quedaron vendo a intervención.
Precisamente este mesmo cadro eléctrico sufrira un anterior incendio o 13 de outubro do pasado ano, hai menos de tres meses, que causou un apagamento en vivendas particulares e en comercios próximos á Peregrina.