Licitan as obras en Marín para a mellora do abastecemento de auga a Pontevedra e a súa Ría
Por Redacción
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente licitou este venres as obras dunha nova fase da actuación de mellora do abastecemento de auga a Pontevedra e a súa Ría, que están a ser executadas pola sociedade estatal Aguas das Concas de España (Acuaes). En concreto, trátase dos traballos que hai que realizar no concello de Marín e teñen un presuposto de 5,4 millóns de euros.
As obras licitadas consisten na construción de dous novos tramos de distribución de auga, un tramo de adución ao novo depósito a executar en Pardavila, de 2.000 metros cúbicos de capacidade, e un segundo tramo de conexión coa rede existente de Marín.
Cunha lonxitude total de 4.216 metros e un diámetro de 400 milímetros, o tramo de adución ten a súa orixe na última fase da obra correspondente ao proxecto do novo abastecemento de auga a Pontevedra e a súa ría correspondente á marxe esquerda, que actualmente se encontra en execución.
Mentres, o tramo de distribución, de 3.475 metros de lonxitude e un diámetro de 400 milímetros, se inicia no depósito de Pardavila e finaliza na rede de abastecemento de Marín, nas proximidades de Seixo.
O proxecto inclúe tamén a conexión do depósito de Cadrelo coa rede existente e a dotación dun sistema de telexestión mediante a implantación de equipos remotos situados en distintos puntos da rede de abastecemento, que permitirán un coñecemento, en tempo real, dos parámetros de control da rede e a toma de decisións para a optimización da subministración de auga potable.
O abastecemento do Concello de Marín depende, na actualidade, dunha arteria costeira que, en caso de rotura, deixaría comprometida a subministración a gran parte da poboación. Esta situación solucionarase, garantindo a subministración de auga á rede actual por dous puntos que forman unha rede mallada.
A mellora do abastecemento de auga a Pontevedra e a súa Ría conta cun investimento total que ascende a 39,9 millóns de euros, financiados nun 85% polo Ministerio -a través de Acuaes e coa axuda dos Fondos FEDER da Unión Europea-, e no 15% restante polos cinco concellos beneficiados, Pontevedra, Sanxenxo, Poio, Marín e Vilaboa.
A actuación divídese en dous proxectos: a marxe esquerda (concellos de Pontevedra, Vilaboa e Marín) en execución, e a marxe dereita (concellos de Pontevedra, Poio e Sanxenxo), cuxas obras están a finalizar.
Relacionadas:
-
Acuaes recibe 37 ofertas para as obras de mellora do abastecemento a Marín
Por Redacción |
-
As obras do novo abastecemento de auga de Pontevedra van "moi avanzadas"
Por Redacción |
-
Reestablecen completamente o abastecemento de auga tras un corte nocturno sen incidencias
Por Redacción |
-
Aproban o proxecto das obras que afectan a Marín do novo abastecemento de auga
Por Redacción |
-
Un novo corazón para os municipios da ría
Por Oskar Viéitez |