A redada no Vao que rematou a pedradas contra a Policía deriva en dúas condenas por tráfico de drogas
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A redada no poboado chabolista do Vao de Abaixo que en marzo de 2013 rematou a pedradas entre os veciños da zona e a Policía Nacional chegou este martes a xuízo na Audiencia Provincial. Dúas das persoas detidas durante aquel operativo antidroga resultaron condenadas a tres anos de prisión cada unha por un delito de tráfico de drogas.
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra sentou no banco dos acusados ao matromonio conformado polos veciños do Vao Cristina A.M. e Ramón G.M.. Ambos os dous chegaron a un acordo co fiscal e viron reducida a condena á que se enfrontaban iniciamente, que o fiscal establecera en catro anos e seis meses de cárcere. Ademais, coa súa conformidade, deberán pagar unha multa de 1.000 euros e non os 2.000 que solicitaba inicialmente o Ministerio Público.
O fiscal non aplica ningunha circunstancia atenuante da responsabilidade criminal, pero si modifica o seu escrito de acusación recoñecendo que o acusado Ramón G.M. tiña adicción á heroína no momento dos feitos. Tras modificar a acusación que formulaba contra ambos os dous imputados, os dous recoñeceron a súa autoría e o xuízo quedou visto para sentenza.
Os dous están acusados de vender cocaína, heroína, metadona, tranxiliun e hachix na cidade de Pontevedra, recibindo os clientes nunha choupana do Vao na que gardaban a droga. No rexistro desta vivenda, a Policía Nacional localizou once papelinas de cocaína, sete barriñas de hachix, unha bolsiña con 1,925 gramos de cocaína, tres bolsas con heroína, cinco pastillas de tranxilium, 17 pastillas de metadona e un bote de trankimaziny efectos como un colar de perlas, unha escopeta de balotes, dous machetes, dúas navallas, un coitelo, dúas motoserras ou unha radial.
A redada pola que Ramón e Cristina chegaron á Audiencia realizouse o 18 de marzo de 2013 dirixida polo Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría Provincial. Ante a chegada dun amplo despligue policial, os veciños do Vao de Abaixo responderon a pedradas e palazos. Finalmente, remataron detidas cinco persoas, catro por delitos de tráfico de drogas e un por un delito de atentado a axente da autoridade porque na oposición que presentou á intervención policial no poboado rabuñou un dos axentes antidusturbios.