En liberdade os cinco detidos na redada antidroga que rematou a pedradas no Vao
Por Natalia Puga
As cinco persoas detidas no poboado de choupanas do Vao no marco da redada antidroga que o luns 18 de marzo rematou a pedradas e palazos contra a Policía Nacional xa están en liberdade.
Fontes consultadas confirmaron que dos cinco detidos tres xa foron postos en liberdade con cargos na tarde do luns. Os outros dous pasaron a noite nos calabozos da Comisaría Provincial da Policía Nacional e na mañá deste martes pasaron a disposición xudicial. O Xulgado de Garda tamén decretou a súa posta en liberdade con cargos por un delito contra a saúde pública.
Dos cinco detidos pola Policía Nacional nesta redada, a catro atribúenselle un delito contra a saúde pública e a un quinto un delito de atentado a axente da autoridade por supostamente agredir a un axente antidisturbios. Este arrestado xa paso a disposición do Xulgado de Garda na tarde do luns e quedou en liberdade.
Os dous detidos que pasaron a disposición xudicial este martes son un matrimonio veciño do Vao que residía na choupana dende a que supostamente se realizaban as operacións de venda de droga que desencadearon a redada antidroga. Segundo fontes consultadas, o varón responde ás iniciais R.J.M. e é natural do propio poboado mentres que a súa esposa é natural do barrio pontevedrés da Seca.
Entre os detidos tamén se encontraba a filla desta parella, que compartía choupana con eles e que xa quedou en liberdade na tarde do luns, ás poucas hora do seu arresto, ao ser menor de idade. Ten 17 anos.
O quinto arrestado é unha persoa natural de Redondela que non reside no Vao, pero que ten implicación na operación contra o tráfico de drogas desarticulada polo Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría Provincial entre a redada deste luns e varias detencións realizadas unha semana antes.
O Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes tiña programada para primeira hora da mañá unha redada contra o tráfico de drogas no Vao de Abaixo, pero cando chegaron esperáballes unha resistencia inesperada que obrigou a reforzar o despregamento policial. Os anfitrions recibíronlles a pedradas e palazos, de modo que o operativo pasou a integrar antidisturbios, un helicóptero, patrullas do GOR (Grupo Operativo de Resposta) e axentes de seguridade cidadá.
A redada incluíu o rexistro da choupana do matrimonio e a menor detidos no que se interviñeron uns 48 gramos de heroína, 15 papelinas de cocaína, varias bolsas con recortes de droga e varios efectos tan distintos como motoserras, bicicletas ou piscinas inchables, sobre os que hai sospeitas de que poidan ter unha procedencia ilícita, que os detidos os puidesen roubar.
Esta redada é a continuación dunha operación de tráfico de drogas iniciada polo Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes hai varias semanas e que xa deixara a detención de sete persoas naturais de Pontevedra e de nacionalidade colombiana noutros puntos da comarca, dos cales tres ingresaron en prisión.
Relacionadas:
-
A redada no Vao que rematou a pedradas contra a Policía deriva en dúas condenas por tráfico de drogas
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A redada do Vao enmárcase na 'operación Papito', que empezou a investigarse hai tres meses
Por Natalia Puga |
-
A pedradas contra a Policía nunha redada con cinco detidos no Vao
Por Natalia Puga & Diego Torrado |