O Porto de Marín alcanza en 2014 o mellor resultado en volume de mercadorías dos últimos catro anos
Por Redacción
O Porto de Marín finalizou o ano 2014 cun crecemento global do 3,14% nas súas tráficos de mercadorías, segundo o avance de datos ao peche do exercicio. A cifra, facilitada pola Autoridade Portuaria, é provisional e pode sufrir lixeiras variacións pero confirma a tendencia do porto á consolidación e aumento progresivo da súa actividade.
A cifra global roza os dous millóns de toneladas e o crecemento prodúcese tanto na mercadoría xeral (3,3%) coma nos graneis sólidos (2,9%). Trátase do mellor resultado en volume de mercadorías rexistrado dende o ano 2010. A pesca fresca tamén rexistrou un aumento no valor de primeira venda alcanzando case os 5 millóns de euros, aínda que en volume total descendeu unhas 200 toneladas.
Segundo estas mesmas fontes, o número de buques atracados en porto durante 2014 tamén rexistrou un incremento do 3,60% con respecto a 2013.
Entre este resultado positivo xeral de 2014, destacan que 317.000 toneladas de mercadoría foron transportadas a través de ferrocarril, o que supón máis dun 16% do volume global de tráficos, unha porcentaxe moi superior á media do sistema portuario estatal que sitúa ao Porto de Marín nos primeiros de España en utilización de transporte combinado.
Entre os acontecementos máis importantes do ano para o Porto se Marín encóntrase ademais a posta en servizo dunha liña regular de colectores da navieira alemá Hamburg Süd, que consolida a terminal de colectores de Marín como primeira escala en Europa para varias liñas transoceánicas e abre novas posibilidades de conexión co continente americano e o norte de Europa. En novembro fixo escala o primeiro barco deste servizo transoceánico denominado EMCS (Europe-Mexico-Caribbean Service).
Ademais, continúa a boa marcha da liña feeder de Nisa que permite importar e exportar mercadoría dende Marín a calquera destino de Asia.
O Porto de Marín e as empresas situadas no recinto reafírmanse así unha vez máis como o auténtico creador de emprego e un dos principais motores económicos de toda a comarca.
Relacionadas:
-
Piden licenza para construír tres novos almacéns no Porto de Marín
Por Redacción |
-
Rueda esgrime a "importancia socioeconómica" do Porto de Marín fronte á sentenza dos recheos
Por Oskar Viéitez |
-
O Consello do Porto aproba o cambio da concesión administrativa de Factoría Naval a favor de Nodosa
Por Redacción |
-
O Porto estrea unha nova liña regular de transporte de colectores
Por Redacción |