Empeza en Xesta a reparación de lavadoiros en todo o termo municipal da Lama
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, informou da posta en marcha do plan municipal para reparar, rehabilitar e poñer en valor dos principais lavadoiros do municipio que se encontran en malas condicións. O primeiro dos que se restaurarán é o situado en Xesta que está a ser obxecto dunha actuación que prevé a substitución da cuberta, limpeza e mellora das súas conducións acuíferas e recubrimento con pedra do país dos distintos elementos que o compoñen.
Este ambicioso programa de recuperación dun dos elementos tradicionais da arquitectura popular e etnográfica no municipio da Lama permitirá que se reparen, de forma inmediata, os lavadoiros de Seixido, A Escuadra e A Lama, ademais do mencionado de Xesta.
Jorge Canda manifestou que "a relación dos galegos coa auga e con estes elementos tan útiles no seu día nos anima a facer un esforzo para rehabilitalos e dos que sentirnos orgullosos ao tempo que constitúen tamén un elemento etnográfico para potenciar o noso municipio dende o punto de vista do turismo", sinalou o alcalde da Lama.
Debido ao importante número de lavadoiros obxecto desta actuación, a súa rehabilitación irase afrontando por fases co fin de poder acometer (a través da dispoñibilidade presupostaria), paulatinamente e canto antes, a restauración dos principais e máis afectados polo deteriorio e o paso do tempo, indicou Jorge Canda.