A Escola de Forestais, sede en marzo dun congreso sobre psicoloxía deportiva
Por Alejandro Espiño
Preto de 200 persoas reuniranse en Pontevedra os días 5 e 6 de marzo para participar na cuarta edición do Congreso Galego Portugués de Psicoloxía do Deporte. Tras celebrarse por última vez hai dous anos en Porto, esta cita regresa á cidade do Lérez, onde iniciou a súa andaina alá polo ano 2009. Terá lugar no campus universitario, concretamente no salón de actos da Escola de Forestais.
Os seus organizadores, Rubén Domínguez e Yago Roel, presentaron este xoves o congreso ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Trátase dun evento dirixido principalmente a alumnos de Ciencias da Actividade Física e do Deporte e adestradores ou técnicos que están vinculados a actividades deportivas.
No congreso, ademais de debater sobre a actualidade da psicoloxía, haberá relatorios que presenten as últimas investigacións relacionadas co deporte -sobre todo co fútbol-, e en xeral serán intervencións que analicen a actividade física e deportiva dende un punto de vista psicolóxico.
Participarán 20 relatores, maioritariamente de España e Portugal, aínda que tamén haberá expertos chegados dende Colombia ou México, todos eles recoñecidas autoridades no ámbito da psicoloxía deportiva.
Ademais de "dar un espacio" para que se poidan presentar traballos relacionados con esta especialidade, segundo Rubén Domínguez, este congreso renderá tamén unha homenaxe a José Alves, un psicólogo portugués "que ha hecho mucho por esta disciplina".