Presentan a XVI edición de Noites Abertas, que chega este ano "máis grande que nunca"
Por Alejandro Espiño
Xa está todo a punto para o comezo dunha nova edición de Noites Abertas. Tras dezaseis anos chega, segundo o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez Junquera, "máis grande que nunca". Un total de 128 actividades repartiranse en 14 fins de semana -26 xornadas de programación-, entre o 23 de xaneiro e o 25 de abril, co obxectivo de proporcionar alternativas de lecer á xuventude pontevedresa.
"Estamos encantados de chegar a esta decimo sexta edición así de ben", destacou Gómez Junquera, que explicou que a organización de Noites Abertas leva traballando dende setembro nunha programación "participativa e democrática", na que participarán 15 empresas e 22 asociacións. O resto -ata as 128 actividades- son propostas de persoas individuais ou grupos informais.
Aos espazos habituais do colexio Froebel, o Multiúsos da Xunqueira ou a Casa Azul únese este ano unha maior presenza na rúa. Haberá numerosas actividades no ámbito do río Lérez e nas prazas da cidade. Ademais, ábrese unha colaboración co Salón do Libro Infantil e Xuvenil, no que Noites Abertas colaborará con once actividades buscando que o seu público "vaia coñecendo que existe esta alternativa de lecer".
En canto ás actividades deste ano, o edil nacionalista quixo destacar que a programación inclúe, máis que nunca, propostas que achegaron alumnos dos centros educativos da cidade. Haberá, entre outras, actividades deportivas, cursos de cociña, manualidades e artes plásticas, xornadas culturais, obradoiros musicais ou propostas relacionadas co teatro.
A programación completa pódese consultar na páxina web de Noites Abertas, renovada para a ocasión e que estrea o dominio.gal.
A partir do luns comezará a promoción nos centros educativos da cidade, a cargo de Ibuprofeno Teatro, que tamén interactuar co público na Praza da Peregrina o próximo martes 20 de xaneiro, a partir das seis da tarde.
Relacionadas:
-
A compañía pontevedresa Ibuprofeno Teatro obtén en Ciudad Rodrigo a mención especial ao Mellor Espectáculo
Por Anxo Lourido |
-
Balance satisfactorio no ecuador de Noites Abertas con 2.719 participantes
Por Diego Espiño |
-
O que se aburre na casa é porque quere
Por Diego Torrado |
-
As Noites Abertas comezarán antes que ningún outro ano: o 23 de xaneiro
Por Alejandro Espiño |
-
Xuventude explica o funcionamento de Noites Abertas a 1.500 estudantes de instituto
Por Redacción |