Sorteo público para os postos vacantes do mercado de Marín
Por Redacción
Este xoves procedeuse a realizar o sorteo público dos 14 postos que saíron a poxa pública do Mercado de Marín. De acordo coas bases foron 108 persoas as que presentaron solicitude.
Despois da procedente emenda de erros, foron convocados para este xoves, tendo que asistir persoalmente o solicitante identificándose ou ter feito con anterioridade unha delegación. Íaselles comunicando o número co que concorrían ao sorteo, que se foron introducidos nunha urna, para posteriormente realizarse o sorteo público.
Ante as preguntas dos asistentes, Cristina Acuña, a concelleira responsable de turismo e comercio aclaroulles que o feito de que na documentación inicialmente requirida só para poder entrar no sorteo, non se solicitase a alta en autónomos, tiña como obxectivo potenciar e axudar a persoas que nunca exerceran a venda ambulante, e que no caso de que saísen agraciadas, á hora de oficializar a titularidade do posto, si era obrigatorio estar de alta en autónomos, así como presentar dentro do prazo a documentación necesaria para exercer como vendedor ambulante.
Logo seguíronse sacando o resto de números para así confeccionar a lista de espera que terá en principio unha vixencia de dous anos, e que en caso de renuncias, baixas ou novos postos, serían os que optarían na orde que foron saíndo.
O obxectivo era ordenar o mercado, ocupar os postos que se encontran vacantes, despois de exercer un control, conxuntamente coa secretaría do Concello, tratando de que se renovasen anualmente os postos como procede legalmente e tratar de que ao estar os postos ocupados por vendedores exista un maior atractivo deste.
O mercado de Marín consta de case 100 postos, que se colocan todos os xoves pola mañá na rúa Serafín Tubío e Secundino Lorenzo, con este sorteo e unha vez que se instalen en cada un dos 15 que se sortearon, confeccionouse unha lista de reserva para ter unha orde na prioridade de acceder a algún posto ou vacante que se produza.