Instan á Xunta a asumir as expropiacións necesarias para a urbanización da PO-308
Por Redacción
ÿ a Xunta de Galicia a que debe conseguir os terreos necesarios para acometer o proxecto de urbanización da PO-308 e, en todo caso, Poio non asumirá a titularidade do vial ao tratarse dunha estrada comarcal que atravesa varios municipios. Son as principais conclusións da reunión da Comisión pola seguridade vial e urbanización da PO-308, formada polos tres grupos políticos da corporación e asociacións e colectivos veciñais do municipio.
Na reunión, celebrada no Concello de Poio, acordouse por unanimidade estas dúas cuestións. O goberno autonómico, coinciden estes colectivos, debe encargarse non só da execución do proxecto senón tamén das necesarias expropiacións, "como única forma de garantir a consecución de todos os terreos necesarios" para resolver os puntos máis conflitivos dos distintos tramos da PO-308.
Non é a única petición que fan á Xunta. Tamén se acordou reclamar a mellora doutra vía de titularidade autonómica dentro do municipio de Poio, concretamente a que discorre entre os cruzamentos de Samieira e Armenteira.
Estas reivindicacións serán trasladadas polo propio alcalde, Luciano Sobral, á conselleira de Medio, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, nunha reunión que, previsiblemente, se celebrará antes de que finalice este mes de xaneiro.
Ademais, na reunión da comisión o Partido Popular presentou a súa moción para a creación dun carril bici por toda a PO-308. Non obstante, o resto de colectivos, sen descartar as vantaxes que podería ter unha iniciativa como esta, expresaron a súa preocupación ante a grande ocupación da calzada que supoñería, polo que quedou aparcada xa que sinalan que a prioridade debe ser mellorar a seguridade para vehículos e peóns.
Relacionadas:
-
A Xunta pide ao concello que poña a disposición os terreos que faltan para reformar a PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma da PO-308 en Raxó é "prioritaria" para Poio
Por Oskar Viéitez |
-
O concello de Poio priorizará os tramos da PO-308 para que a Xunta os reforme
Por Oskar Viéitez |
-
Poio terá que esperar pola reforma da PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
Suplican entre bágoas "máis seguridade" na estrada entre Pontevedra e Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |