Un espectacular incendio calcina tres vehículos na rúa Rosalía de Castro
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O lume foi o protagonista na madrugada deste venres en Pontevedra. Un espectacular incendio calcinou tres vehículos no aparcadoiro das casas dos mariños na rúa Rosalía de Castro e un de menores dimensións queimou parte dunha pa retroescavadora na praza de Galicia.
Segundo informaron os Bombeiros de Pontevedra, o aviso de Rosalía de Castro rexistrouse ás seis da mañá. O lume iniciouse nunha autocaravana que levaba algún tempo alí aparcada, aínda que non estaba abandonada.
A voracidade das chamas, que alcanzaron grande altura, atrapou a outros dous coches que estaban aparcados, un Audi e un Fiat. Os tres vehículos quedaron totalmente calcinados.
Extinguir o lume foi, segundo os bombeiros, "un traballo moi laborioso", que levou un par de horas a dúas dotacións do parque municipal. Neste labor axudou a chuvia que caía sobre Pontevedra a esa hora da mañá. Afortunadamente non houbo danos persoais.
Un pouco máis tarde das nove da mañá as lapas se reavivaron polo que los Bombeiros tiveron que acodir de novo ao lugar do suceso.
Horas antes, sobre as 4.30 horas, a Policía Local recibira un aviso por outro incendio, iniciado na cabina dunha pa retroescavadora. O foco era de pequenas dimensións e quedou na cabina, de modo que non foi necesaria a intervención dos bombeiros, un operario de Cespa conseguiu extinguilo coa axuda dun cubo de auga.
As policías Local e Nacional manteñen aberta unha investigación para aclarar a orixe de ambos os dous incendios e estudar se teñen algún tipo de relación.
Relacionadas:
-
A Policía Local de Poio investiga un veciño por falsificar os datos dunha autocaravana
Por Redacción |
-
Detido un indixente polo incendio debaixo da ponte de Rosalía de Castro
Por Natalia Puga |
-
VIDEO.- Alerta veciñal en Rosalía de Castro por un novo incendio nos refuxios de indixentes
Por Oskar Viéitez |