Sufocan un incendio que esnaquiza o baixo dunha casa en Cerponzóns
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Os Bombeiros de Pontevedra tiveron que acudir a última hora da tarde deste sábado a sufocar un incendio iniciado no baixo dunha casa de San Vicente de Cerponzóns.
As chamas comezaron pasadas as 19.30 horas nunha vivenda unifamiliar do lugar de Meán en cuxo interior se encontraba unha única persoa. A muller alertou os bombeiros porque empezou a arder un montón de leña que tiña depositado nas proximidades dunha caldeira.
Por motivos que se descoñecen, o lume da caldeira propagouse á leña depositada nun lugar próximo e desencadeouse un lume que arrasou a madeira, unha serie de aparellos depositados no baixo da vivenda e unha cociña.
Ademais, a abundante nube de fume xerada propagouse á planta superior da vivenda, onde se encontra a parte habitada desta. Nesa zona non chegou a declararse un incendio, pero si que foi necesario que interviñesen os bombeiros para ventilar toda a planta.
A única moradora da casa abandonáraa polo seu propio pé tras avisar os bombeiros. Unha vez sufocadas as chamas, a muller entrou na casa e saíu con cara angustiada e visiblemente afectada. Durante todo momento foi arroupada polos veciños da zona, que se achegaron ata a casa alertados polo fume e a chegada dos bombeiros e efectivos das policías Local e Nacional.
Para deixar a vivenda preparada para que a muller puidese regresar, os efectivos de extinción de incendios traballaron nela durante dúas horas. Regresaron ao parque arredor das 21.40 horas.