A quinta Pontevedrada solidaria a Santiago abre o prazo de inscrición anticipada
Por Redacción
A quinta edición da marcha solidaria nocturna a Santiago de Compostela, a 'Pontevedrada', está á volta da esquina e os máis previsores xa poden confirmar a súa participación. A Asociación de Amigos da Pontevedrada (ASAMPO) abre este luns 2 de febreiro o prazo de inscrición para participar.
Este ano, como novidade, a inscrición será voluntaria economicamente para dar viabilidade organizativa a cantos marchosos solidarios veñan e tamén colaborar con asociacións que fomentan a doazón. A inscrición voluntaria pódese facer previamente ou o mesmo día da saída na Praza da Ferraría pontevedresa ao retirar a documentación e o número.
A marcha supón o percorrido ininterrompido a pé de 63 quilómetros polo Camiño Portugués a Santiago dende Pontevedra ata a Praza do Obradoiro, todo coa finalidade de concienciar á sociedade sobre a importancia da doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos.
A cita con esta marcha solidaria será o sábado 25 de abril ás 20.00 horas na praza da Ferrería. O percorrido incluirá paradas en Barro, Caldas de Reis, Valga e Padrón e a chegada a Santiago prevese a partir do mediodía do domingo 26. En todo caso, non é obrigatorio completar todo o percorrido e os participantes contan con apoio loxístico de vehículos de asistencia en ruta.
Os organizadores aconsellan aos participantes que utilicen chaleco reflectante, lanterna ou frontal e pilas de reposto, teléfono móbil cargado, bebida e alimento lixeiros, roupa de abrigo e chuvasqueiro, bastóns de trekking, calzado e calcetíns de reposto e unha pequena caixa de primeiros auxilios.
Relacionadas:
-
Asampo levará aos colexios a necesidade da doazón: "Eu dou... ti das... eles viven"
Por Natalia Puga |
-
A chuvia non pode co entusiasmo da Pontevedrada
Por Mónica Patxot |
-
A Pontevedrada bate récord con case 600 inscritos para a súa andaina solidaria a Santiago
Por Alejandro Espiño |
-
600 persoas participan na 'Pontevedrada 2014', a marcha solidaria coas doazóns
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Máis de 400 persoas xa se inscribiron para a marcha solidaria 'Pontevedrada' do 26 de abril
Por Anxo Lourido |
-
Prepárase unha nova 'Pontevedrada', a marcha nocturna para alertar da necesidade de doazóns
Por Redacción |