Os estudantes pontevedreses tamén se opoñen á reforma universitaria de Wert
Por Redacción
Os estudantes da Universidade de Vigo e, por ende, do campus de Pontevedra, súmanse aos colectivos que nos últimos días amosaron o seu rexeitamento ao Real Decreto que modifica a estrutura das ensinanzas universitarias; coñecido como o sistema 3+2, aprobado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deportes liderado por José Ignacio Wert.
Brais Fortes, representante da Universidade de Vigo no CEUNE (Consejo de Estudiantes Universitario del Estado) e na AERE (Asamblea Estatal de Representantes de Estudiantes), suscribe un manifesto con outras universidades españolas no que os estudantes sinalan a necesidade de tender cara un sistema universitario que responda ás necesidades e posibilidades actuais tanto no sistema de acceso e axudas como na ordenación das ensinanzas en cada rama de coñecemento. O camiño para acadar este fin "pasa necesariamente pola participación de todas as partes implicadas, non por imposicións unilaterais".
Dende a representación da Universidade de Vigo na AERE manifestan que o sistema proposto é "absolutamente inxusto" e "só pretende restrinxir aínda máis" o acceso ao ensino superior de calidade e condenan a actitude do ministro Wert "por levar a cabo medidas lesivas para todo o sistema universitario estatal, particularmente o sistema universitario galego" e por aprobar unha "política de avestruz", na que denuncian que pecha os ollos perante os múltiples informes negativos previos ás súas medidas, desoíndo toda resposta ás mesmas e non dando a cara diante dos estudantes no CEUNE.
Ante esta situación, os estudantes esixen a paralización inmediata do proxecto de Real Decreto de reordenación das ensinanzas universitarias oficiais, e a realización dun estudo conxunto entre o Goberno e cada un dos colectivos que integran a comunidade universitaria sobre a idoneidade do actual sistema universitario en cada área de coñecemento.
Ao respecto, lembran que hai 8 anos se desoiu a voz do estudantado para impoñer o coñecido Plan Bolonia, no que estes estudantes ven o inicio dun camiño que "pretende restrinxir o acceso á Educación Superior en base a criterios económicos", ao estar acompañado dun sistema de bolsas "cada vez máis precario e restrinxido" e uns prezos públicos "a cada paso máis inaccesibles".