O reitor aposta por facer un estudo individualizado de cada titulación para ver se convén transformar o grao
Por Oskar Viéitez
Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo á que pertence o Campus de Pontevedra insistiu na necesidade de establecer unha moratoria na aplicación do decreto que reforma os estudos superiores, un período que o conxunto da comunidade universitaria aproveitará para realizar unha reflexión.
O novo decreto de Wert, cualificado por Mato como "ocorrencia", busca acurtar as carreiras a tres anos e engadir un ano de máster, pasando do actual modelo implantado con Bolonia (4 anos de carreira e 1 de máster) ao 3 +2.
Mato explicou este martes en Pontevedra que a súa idea é "darlle un pouco de sentido común con análise e pausa" facendo un "estudo individualizado" de cada titulación para ver "se convén ou non" transformar o grao e que sexa a comunidade universitaria a que decida "cal é o seu futuro", e non o que di o Ministerio "sempre pensando o que é mellor para as familias e para os estudantes". Nesta "mensaxe de tranquilidade" insistiu en reitor durante a súa comparecencia ante a prensa.
"Agora véñennos con esta historia e con présa", dixo o reitor apelando á necesidade de "sosego" e sinalando que deberá realizarse un "estudo real" de que criterios académicos son os mellores para o estudante e a súa futura inserción no mercado laboral, unha decisión na que haberá que contar coas empresas e os colexios profesionais, segundo Salustiano Mato.
NOVO CONSELLEIRO
O reitor da Universidade de Vigo tamén referiuse ao nomeamento de Román Rodríguez como conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sinalando que "polo menos é unha persoa que está formada neste campo e coñece este mundo e iso é un bo sinal para empezar".
Mato aludiu ao feito de que Román Rodríguez sexa profesor na Universidade de Santiago de Compostela indicando que "polo menos no campo da educación e da universidade é unha persoa informada" engadindo que "esperemos que iso sexa positivo para todos os retos que temos por diante na universidade galega".