Un vilagarciano, a súa parella e a súa nai, xulgados por branqueo de capitais procedentes do narcotráfico
Por Oskar Viéitez
Carlos Daniel P., un home condenado en varias ocasións por delitos contra a saúde pública, a súa nai e a súa compañeira sentimental Sonia G. sentaron este martes no banco da Sección Cuarta de la Audiencia de Pontevedra acusados dun delito continuado de branqueo de capitais derivados do tráfico de drogas.
O Ministerio fiscal sostén que as dúas mulleres, con pleno coñecemento da orixe dos fondos cos que realizaban negocios coa finalidade de ocultar a súa orixe ilícita, consentiron en aparentar ser titulares de diferentes bens mobles, inmobles e investimentos diversos, cuxo auténtico titular era o acusado.
O fiscal Pablo Varela pide para el cinco anos e seis meses de prisión e multa de 1.200.000 euros, para a súa compañeira sentimental cinco anos de prisión e multa de 400.000 euros, e para a nai, cinco anos de prisión e multa de 800.000 euros.
Carlos Daniel e Sonia foron detidos en Vilagarcía na operación Manzano, levada a cabo pola Axencia Tributaria en colaboración coa Fiscalía de Pontevedra, ao observar o tren de vida que gozaba o principal acusado, con antecedentes por narcotráfico.
Entre outros bens a Fiscalía preguntou pola procedencia dun chalé de pedra con piscina e un ático no centro da cidade, así como numerosos vehículos e diñeiro depositado en varias contas bancarias.
Carlos Daniel afirmou que os seus bens proceden do seu traballo dende os 17 anos de idade, en bares, empresas da construción, no porto de Marín, como comisionista na venda de coches, mesmo tivo coa súa exmuller unha tenda en Vilagarcía. Como denominador común realizou todas estas actividades sen contrato de ningún tipo nin xustificación ante Facenda. Ademais xustificou algúns ingresos como provenientes de herdanzas familiares.
O acusado asegurou que non obtivo ningunha ganancia do tráfico de droga. Igualmente a súa compañeira sentimental indicou que o seu patrimonio é froito do seu traballo e da herdanza dos seus avós.