Pontevedra pecha 2014 cun superávit de 2,36 millóns de euros no seu orzamento
Por Alejandro Espiño
O concelleiro de Facenda, Raimundo González, presentou este xoves o avance da liquidación do presuposto municipal para 2014. As contas presentadas, que inicialmente ascendían a 66 millóns de euros, pecháronse en 78,75 millóns. Foi así tras as sucesivas modificacións de crédito que se foron aprobando ao longo do ano e que, segundo o goberno municipal, se destinaron principalmente a incrementar o capítulo de investimentos.
Neste sentido, os investimentos ascenderon aos 17 millóns de euros fronte aos 7 que figuraban no presuposto que se aprobou no seu momento.
Ademais, Raimundo González explicou que o grao de execución do presuposto se situou no 93,42% e que as contas botan un superávit de 2,36 millóns de euros. Este diñeiro, a falta de coñecer a liquidación definitiva, destinarase a amortizar parte da débeda ou a investimentos "financieiramente sostibles", é dicir, que non xeren gasto corrente.
O edil do BNG destacou que, con estes datos, o Concello de Pontevedra cumpre coa estabilidade presupostaria e o teito de gasto fixado por lei e, de cara ao 2015, non terá que realizar plan financeiro ningún.
Raimundo González afirmou que con este balance se demostra que Pontevedra ten uns "excelentes" parámetros económicos e financeiros, que este é un concello "saneado" e que se pode facer un presuposto "expansivo" aumentando o gasto social e os investimentos, ao tempo que se melloran os servizos que se prestan aos cidadáns.
Relacionadas:
-
O PP pide destinar o superávit municipal en 2014 a obras de saneamento do rural
Por Redacción |
-
O Concello recada case 500.000 euros trala revisión do IAE ás grandes empresas
Por Alejandro Espiño |
-
César Abal: "O milagre dos pans e os peixes chegou ao Concello de Pontevedra"
Por Redacción |
-
Acordo BNG-PSOE para os orzamentos 2015: "Son os mellores posibles", di Lores
Por Alejandro Espiño |