O novo contrato de limpeza das dependencias municipais, nas mans da empresa Eurobrick
Por Alejandro Espiño
A empresa Eurobrick resultou adxudicataria do servizo de limpeza en dependencias municipais, licitado recentemente polo Concello de Pontevedra. A súa foi, segundo a mesa de contratación, a mellor oferta presentada. Cobrará 111.804 euros anuais, un prezo que supón unha baixada duns 19.000 euros con respecto ao recollido no expediente de licitación, que ascendía aos 130.000 euros ao ano.
En concreto, o contrato é por tres anos e prorrogable ata un máximo de cinco.
As dependencias que deberá limpar encóntranse todas aquelas que non estaban incluídas no contrato anterior que tiña a INUSA como adxudicataria: o edificio administrativo de Michelena 30, as plantas superiores do Teatro Principal, a gardaría da Parda, o antigo conservatorio de música en Alfonso XIII, as oficinas de xestión tributaria de Xofre de Tenorio, a Casa Azul e o local de Educación na rúa Xan Guillerme.
Nas melloras ofertadas, a empresa Eurobrick comprometeuse a limpar con máis frecuencia a entrada do edificio de Michelena 30 e as oficinas de Xofre de Tenorio, así como facer unha limpeza xeral cada trimestre ao antigo conservatorio.
Esta adxudicación ten carácter provisional, a expensas de que a empresa presente de forma correcta toda a documentación esixida.
Relacionadas:
-
Cespa amplía o seu contrato con Pontevedra ata 2017, á espera da pranta de compostaxe
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada