Presentan na Illa de Arousa a primeira axencia online especializada na promoción do turismo mariñeiro
Por Oskar Viéitez
O próximo sábado 21, no restaurante O Tuno da Illa de Arousa terá lugar a presentación en rolda de prensa de Bluscus, a primeira axencia online especializada na promoción do turismo mariñeiro de Galicia.
Bluscus está impulsado polos emprendedores galegos Pablo Mariño, Jacobo Camba e Catherine García, e desenvolvida baixo o amparo do centro de emprendimiento Galicia Open Future de Telefónica como unha das 50 startup con máis potencial.
Durante o acto, Pablo Mariño trasladará os detalles da iniciativa e da oferta turística dispoñible no portal www.bluscus.es no que se poderá encontrar, reservar e comprar todo tipo de experiencias relacionadas co turismo mariñeiro, tales como paseos en barco, rutas a pé pola costa, aloxamentos e actividades gastronómicas.
Por exemplo, unha xornada de marisqueo na Illa de Arousa, na que se poderá aprender o oficio dunha mariscadora por un día e acabar degustando o produto local, ou un paseo en veleiro ata a Illa de Ons na que se pode observar a extracción de mexillón nas bateas e comer na illa unha empanada de zamburiñas e unha boa porción de polbo, ou se o prefiren unha ruta guiada a pé por Lira, na que se poderán coñecer as embarcacións e as artes de pesca empregadas polos mariñeiros desta comarca. Así ata superar a trintena de experiencias relacionadas co turismo mariñeiro.