Tráfico inicia este luns 23 unha campaña para evitar atropelos de peóns
Por Redacción
O Sector de Tráfico da Garda Civil en Galicia comezará este luns 23 de febreiro unha campaña especial para a prevención de atropelos que consistirá nun incremento da vixilancia e control dos peóns en estrada, ademais da entrega de chalecos reflectantes a aqueles camiñantes que estando obrigados a levalo por falta de visibilidade ou meteoroloxía adversa, non fagan uso de ningún tipo de elemento que garanta a súa visibilidade e a súa seguridade.
Un dos obxectivos que se formula a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) en Galicia é protexer os peóns ante o peso que teñen os atropelos mortais na accidentabilidad interurbana na comunidade galega. En 2014 faleceron en estradas de Galicia 17 peóns, algo máis do 15% do total de falecidos.
Por este motivo, dende as Xefaturas de Tráfico impartiranse charlas nos concellos, dirixidas a persoas maiores, para concienciar a poboación e incidir naquelas condutas pouco seguras dos peóns, recordando as normas que lles afectan.
Dende a DGT recórdase que os peóns que incumpran a normativa poden ser denunciados por non levar a peza reflectante axeitada ou polo incumprimento das obrigas que os peóns teñen en estrada:
- Camiñar pola esquerda.
- Camiñar perpendicularmente ao eixe da calzada para atravesala cando non hai paso para peóns.
- Usar pezas reflectantes entre o ocaso e a saída do sol.
Tráfico alerta tamén os condutores da obriga de reducir a velocidade nas zonas en que se atopen peóns e a recomendación de levar acendidas as luces de cruzamento todo o día, especialmente nesta época de inverno, para facerse visibles a todos os usuarios da vía.