Susto nun edificio de Gutiérrez Mellado ao quedar atrapadas 4 persoas nun ascensor durante case 2 horas
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Catro veciños do número 9 da rúa Gutiérrez Mellado, nun dos portais que lindan coa entrada da oficina central do banco BBVA, quedaban atrabapados no ascensor do edificio sobre as 11.30 horas deste domingo 22.
Tres homes e unha muller quedaban encerrados na cabina entre o soto e o primeiro piso durante case dúas horas. Ata o lugar trasladáronse dous camións de bombeiros do Parque municipal, ademais de dotacións da policía local e unha ambulancia medicalizada. A principal preocupación centrábase nun dos veciños que se encontraba no interior do ascensor, ao tratarse dunha persoa de máis de oitenta anos que sofre problemas cardíacos. Por este motivo, os veciños mostraban o seu temor a que, debido á tensión, puidese sufrir un esvaecemento. Durante a operación para intentar mover o montacargas, un dos bombeiros mantívose enriba da cabina controlando a situación mentres os operarios da empresa encargada do mantemento, que acudiron ante a chamada de alarma, intentaban desbloquear o elevador, segundo informaron fontes do Parque de Bombeiros
Non obstante, a operación resultou lenta porque as portas se bloqueaban e foi necesaria a utilización dun gato hidráulico para poder abrir as follas do ascensor, segundo testemuñas presenciais, e permitir así a saída dos ocupantes. Todos se encontraban en boas condicións de saúde a pesar do susto e non foi necesaria a hospitalización dos afectados.
BEBÿ, ENCERRADO
Os bombeiros tamén tiveron que acudir durante a mañá a unha vivenda do número 16 de Manuel del Palacio ante a chamada dunha nai que indicaba que o seu bebé quedara encerrado nun cuarto do piso.
Segundo a información facilitada polo Parque de Pontevedra, os bombeiros lograron abrir a porta utilizando unha radiografía e rescatar o neno, que non sufriu ningún dano.