Agustín Fernández invita á Xunta de Galicia a retomar as obras sanitarias en Pontevedra "agora que o Sergas é rico"
Por Redacción
O anuncio por parte do presidente da Xunta de Galicia de que o Sergas vai gastar 20.000 millóns de euros nos seis próximos anos é "unha nova burla do Goberno galego aos pontevedreses" segundo o concelleiro pontevedrés Agustín Fernández que afirma que "se o Sergas é rico xa non cabe ningunha razón para que siga a aprazar a necesaria reforma do sistema de atención primaria e especializada na área sanitaria Norte da provincia e, moi especialmente, na cidade de Pontevedra".
O responsable socialista lembra que o seu grupo municipal leva anos reclamando unha planificación sanitaria seria para a área de Pontevedra, baseada nun gran hospital único de agudos en Montecelo, un gran Centro de Especialidades e de acollida de crónicos no Hospital Provincial e, finalmente, a reconversión da Casa do Mar de Mollavao no cuarto Centro de Saúde que completaría a rede de Atención Primaria na cidade.
"Unha planificación máis austera e racional que o espellismo do hospital do Monte Carrasco anunciado pola Xunta coincidindo co lanzamento de Telmo Martín como candidato á Alcaldía en 2007", recalca Tino Fernández. "Hoxe, coa crise económica lonxe de remitir e Martín de volta en Sanxenxo, cómpre que a Xunta volva tamén ao sentido común e abandone a demagoxia e a dinámica partidista do enfrontamento institucional", engade o alcaldable do partido sociaista.
Remata Agustín Fernández, sinalando que "lamentablemente todo o mundo sabe xa que os anuncios da Xunta de Galicia carecen de credibilidade, e máis se se fala de sanidade pública. A realidade que poden agardar os pontevedreses, se o Partido Popular continúa no Goberno galego ata 2020, é que Pontevedra seguirá carecendo da atención sanitaria que precisa e os seus pacientes derivados, como cidadáns de segunda, aos centros de referencia de Vigo ou Santiago".
Relacionadas:
-
Agustín Fernández avoga polo diálogo coa Xunta para retomar a ampliación do Hospital Montecelo
Por Redacción |
-
O PP asinará o convenio co Sergas para o hospital de Monte Carrasco se chega á Alcaldía
Por Redacción |
-
José Manuel González: "Montecelo cada vez cumple menos condiciones de hospital de futuro"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
CIG denuncia que a sanidade pública de Pontevedra "está na UVI"
Por Redacción |
-
Pontevedra di 'NON' ao Sergas: o Concello non asumirá a urbanización de Monte Carrasco
Por Alejandro Espiño |