O anticiclón traerá ceos despexados e xornadas de bo tempo
As xornadas de chuvias rematarán este mércores grazas ao anticiclón que cubrirá os ceos para traer un tempo seco e estable, segundo MeteoGalicia. Polo que se poderá gozar do bo tempo e os ceos despexados ata o venres.
Os ceos lucirán polo xeral despexados, e aínda que as temperaturas mínimas descenderán lixeiramente ata os 7 graos, as máximas manteranse estables ou cun lixeiro ascenso, chegando a alcanzar os 15 graos. O vento que soprará dende o nordés traerá refachos moderados con intervalos fortes no litoral.
A xornada do xoves 4 transcorrerá sen moitos cambios con respecto á do mércores. As altas presións atmosféricas favorecerán que os ceos sigan manténdose despexados e a temperatura máxima ascenderá ata alcanzar os 17 graos. A madrugada e primeiras horas da mañá presentará temperaturas baixas e unha néboa que se irá disipando ao longo das horas. O vento tamén dará unha tregua soprando frouxo de compoñente este.
O venres 5 non traerá cambios significativos no tempo meteorolóxico. As altas presións mantéñense polo que seguirán achegando o aire seco e cálido do sur. Polo tanto, a imaxe de ceos azuis e despexados estará presente durante todo o venres chegando a alcanzar ata os 18 graos na tarde. O vento seguirá soprando de forma suave.