Expertos en patrimonio escollen Pontevedra para celebrar o seu tradicional congreso estatal
Por Alejandro Espiño
Tres espazos "senlleiros" da cidade de Pontevedra acollerán do 12 o 15 de marzo as XIV xornadas sobre patrimonio que organiza a Asociación para a Interpretación do Patrimonio (AIP). Trátase do Pazo de Mugartegui, a Casa das Campás e o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA), segundo avanzaron este martes os seus organizadores tras reunirse co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Esta cita, que este ano tratará o tema A interpretación do Patrimonio e a construción colectiva dos valores patrimoniais, celébrase en Pontevedra porque segundo a delegada en Galicia desta asociación, Marlene Anaya, é unha cidade que ten moito atractivo para nós" dende o punto de vista do patrimonio. Non só no noso país, dixo, senón tamén "alén dos mares", onde espertou o interese de varios expertos.
Pontevedra, sinalou, "ten unha riqueza e unha diversidade enorme" que se analizará nestas xornadas con intervencións, entre outros, de Luis Bará sobre Pontevedra, cidade accesible; o grupo de acción costeira Ría de Pontevedra, que presentará traballos realizados no Parque Nacional Illas Atlánticas; ou o presidente dos comuneiros de Salcedo, Fernando Pintos, que será o anfitrión dunha visita guiada á parroquia.
Ademais, os participantes nestas xornadas -máis de 70 inscritos ata o momento-, levarán a cabo un mapeo colectivo. Trátase de que cada persoa percorrerá a cidade cun mapa, marcando aqueles sitios que pola súa beleza ou singularidade a nivel patrimonial lles chamasen a atención. A actividade rematará cunha posta en común dos lugares escollidos e que permitirá determinar "como percibe a xente esta cidade", dixo Marlene Anaya.
Con esta cita congresual, a AIP espera que os asistentes "vivan a experiencia de Pontevedra", unha cidade que "ten os seus tempos", segundo a delegada en Galicia da asociación. Todo iso para que todos os asistentes "constrúan a súa propia imaxe do noso patrimonio".