Marea Pontevedra pregunta ao alcalde sobre o premio ONU-Hábitat recibido en Dubái
Por Redacción
Para Marea Pontevedra, a mobilidade no centro da cidade, consecuencia da aposta peonil vixente desde hai xa máis dunha década, "merece ser premiada, sen dúbida". Pero o que non lle gusta aos membros desta candidatura cidadá é quen entregou o último premio recibido por Pontevedra en Dubái e o gasto que, entenden, se está a facer desde o Concello para celebrar este galardón coa cidadanía.
Os membros da candidatura de Marea Pontevedra, Carmen Peña, Guillermo Casalderrey e Luís Rei fixeron entrega este mércores no rexistro municipal dunha batería de preguntas dirixidas ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a propósito do premio ONU-Hábitat.
Entre outras cuestións, queren saber se non lle creou un "dilema moral" al alcalde recibir un premio "concedido nun emirato con monarca absoluto, sen sufraxio universal, con pena de morte e nunha cidade que é a das máis contaminadas do planeta".
Outro dos asuntos que preocupa aos membros da Marea Pontevedra é a vinculación do Ministerio de Fomento que dirixe Ana Pastor co consorcio que outorga o premio. Para este colectivo "existen ultimamente demasiadas coincidencias" entre ese departamento ministerial e o Concello de Pontevedra, como na aposta pola construción da A-57.
Ademais, os membros da Marea preguntan que custo teñen as festas programadas na cidade para celebrar este premio; que parte da contía total do premio, uns 30.000 dólares, chegará á Redeaxuda e como se repartirá entre os colectivos que colaboran con esta iniciativa; ou que datos manexa o alcalde para afirmar que o retorno económico do premio será superior para Galicia ao do vídeo de Enrique Iglesias.