A asociación galega de Linfedema informa este sábado en Vilagarcía sobre esta enfermidade
Por Redacción
A Asociación Galega de Linfedema (AGL) realizará unha campaña de divulgación sobre esta enfermidade na Praza de Galicia de Vilagarcía de Arousa co obxectivo de informar os veciños sobre esta doenza e expoñendo os traballos que realizaron tanto persoas asociadas á entidade coma familiares.
Baixo o lema 'Non queremos ser invisibles para a sociedade', os actos contarán coa lectura dun manifesto no que se achegará a realidade que viven moitas persoas afectadas por esta doenza do linfedema e que non se encontran debidamente tratadas.
AGL é unha entidade sen ánimo de lucro que desenvolve actividades para apoiar, informar e representar as persoas afectadas por esta patoloxía na que se ven afectadas unha ou varias partes do corpo que aumentan de volume, producido por unha malformación, disfunción, obstrución ou dano no sistema linfático. Considérase unha das enfermidades máis desfigurantes e discapacitantes, que nun estado máis avanzado chega á categoría de elefantiase.