Reclaman investimentos en reparacións de cubertas e cambios de ventás nos colexios de Poio
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
As Asociacións de Nais e Pais de alumnos de Poio (ANPAS) presentaron no rexistro da delegación da Xunta de Galicia 511 firmas para reclamar unha mellora das instalacións educativas dos centros escolares do concello. Este colectivo considera que as instalacións actuais se encontran en malas condicións debido aos escasos investimentos de mantemento co conseguinte perigo para a integridade física dos alumnos e do profesorado.
Reclaman a través do escrito a realización urxente das obras de reparación de cuberta no CEIP Viñas e no CEIP Chancelas, así como a substitución das ventás no CEIP Isidora Riestra e en Espedregada. Ademais, os representantes das ANPAS piden a reparación dos falsos teitos do primeiro piso. do centro educativo de Lourido.
Jorge Pérez, coordinador das ANPAS de Poio, afirma que levan solicitando unha entrevista co xefe territorial de Educación, César Pérez, dende maio de 2014 a través de correos electrónicos e de chamadas telefónicas. Non obstante, ata o momento non recibiron resposta.
Manuel Rodríguez, do ANPA de Lourido, reclama a execución das obras canto antes porque esta actuación supoñería unha diminución dos gastos actuais da Xunta de Galicia na calefacción destes centros educativos. Sinalan que as ventás se encontran tan deterioradas que o frío se filtra con facilidade e os alumnos teñen que permanecer nas aulas con abrigos.
Dende as ANPAS indican que a maior parte dos pais dos 900 alumnos matriculados nestes centros demandan unha intervención inmediata da administración autonómica ao igual que sucede noutros concellos. Por este motivo, Jorge Pérez recoñece que se senten discriminados: "non sabemos se é discriminación porque no noso Concello goberna un partido diferente ao seu, pero preferimos pensar que non é por iso". Aseguran que se a súa demanda non é atendida iniciarán outros actos de protesta.
As ANPAS de Poio denuncian deficiencias nos centros escolares
Jorge Pérez. Coordinador das ANPAS de Poio
CC BY-NC-SA PontevedraViva