Finalizada a Festa do Caldo, chegan os ladróns
Por Redacción
Unha vez rematada a Festa do Caldo de Mourente, a tranquilidade non chegou para os seus organizadores. Este luns, día seguinte aos festexos, encontráronse con que os ladróns accederan á forza ao seu local social.
Fontes próximas á organización indicaron que o roubo se produciu ao longo da madrugada do domingo 8 ao luns 9 de marzo. O ladrón ou ladróns responsables romperon unha das fiestras do local social presuntamente en busca dalgún botín relacionado coa celebración da Festa do Caldo.
Os organizadores non tiñan gardado no local o diñeiro da festa e, segundo unha primeira revisión realizada no lugar, no roubo tan só levaron unhas botellas de licor.
Unha vez que constataron que unha ventá estaba fracturada e faltaban esas botellas, chamaron a Policía Nacional. A Policía Científica xa se desprazou ata o lugar ao longo da xornada do luns e hai aberta unha investigación para aclarar o sucedido, pero na Comisaría Provincial do Corpo Nacional de Policía aínda non recibiron unha denuncia oficial sobre estes feitos.