Sanxenxo saldará ata maio toda a débeda con La Unión polo transporte urbano
Por Redacción
A Comisión de Contas abordou este xoves a proposta do Goberno local de aboar a Transportes La Unión (do grupo Monbus) a totalidade da débeda pendente coa firma encargada do transporte urbano, que ascende a 349.109, 24 euros. A pesar de que o servizo foi realizado, dende o Executivo sanxenxino recordaron que o Concello de Sanxenxo non asumiu este pagamento no seu momento debido aos impedimentos recollidos nos informes de fiscalización.
E é que o feito de que a empresa cobrase un euro aos usuarios destas liñas de autobús xerou dúbidas sobre se correspondía á Administración municipal pagar tamén o transporte.
Tras a reclamación xudicial presentada por La Unión, a sección segunda do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditaminou que o Concello de Sanxenxo debe satisfacer esa débeda.
Por iso, o equipo de Goberno levará este asunto á sesión extraordinaria do Pleno, convocada para o luns, e na que a Corporación terá que pronunciarse acerca do plan de pagamentos deseñado en catro amortizacións que culminarán en maio.
Tal e como reflicte o informe do Interventor xeral, este expediente financiarase "co aforro efectivo que se producirá pola aplicabilidade do Real Decreto Ley 17/2014 de 26 de decembro".